jueves, 17 de septiembre de 2009

Desde Galicia para o mundo

Ola a todos! Estades aí?
Eu quixera mandarvos un aturuxo, pero non sei como transcribilo, así que vou tomar prestado este título dun programa da televisión que nos acae moi ben para a ocasión.
Quería colaborar neste invento tan bonito que vos montou Rosa xa antes de que acabase o curso, pero xa sabedes que cos aparellos son máis ben torpe e o tempo, ese ben tan escaso, tamén se foi botando enriba. En resumo, despedímonos e eu aínda non estreara o invento. Logo viñeron as vacacións e, xa se sabe, cambiamos de actividades, de lugar e ata de pensamentos, así que a cousa quedou para este mes a un tempo melancólico e inicático que é setembro.
Agora xa estamos todos (supoño) de volta ás nosas vidas habituais e comeza a haber unha certa distancia co curso, polo que supoño que os recordos se farán máis claros, como cando precisamos perspectiva para ver con claridade un obxecto. Neste momento, pois, penso na experiencia do curso de este ano e pónseme cara de felicidade. Díxenvos daquela e manteño que foi un pracer acompañarvos durante as horas da mañá (vexo o escrito por Tom e bótome a rir soa). Paseino realmente ben e se sodes capaces de lembrar eses momentos con agrado sería a miña maior satisfacción.
Xa vos dicía que no curso non se pode abarcar moito, así que espero que continuedes aprendendo e querendo o galego, reivindicando con nós o galego, que non quede a cousa nun amor de verán. Espero que cando teñades un pouco de tempo deades sinais de vida e poidamos manter o contacto, aínda que non sexa a todas as horas.
Creo que me estou alongando moito, así que outro día volvo entrar e mándovos algo máis poético porque realmente o meu obxectivo era mandarvos unha tremenda aperta desde Galicia para o mundo. (Permitídeme que aproveite para agradecerlle a Paulina que nos fixese cos seus comentarios as profesoras máis felices e envexadas do curso).
E se queredes ver un vídeo onde aparece xente coñecida do curso e mesmo da clase, entrades en vimeo.com e buscades A Xanela.
Bicos a todos,
Carme

2 comentarios:

  1. Carme!
    Ariane e máis eu xa volvimos ás nosas rutinas e aínda temos moi bos recordos da nosa estadía en Compostela. E si que é verdade que sempre que lembramos algun dos momentos que pasamos alí facemolo cun gran sorriso. Para nós tamén foi un pracer compartir contigo as mañás e as tardes con Rosa.
    Cremos que a idea do blog foi unha boa maneira de manter o contacto e ter noticias dos amigos que fixemos e que están esparcidos polo mundo.
    Nada máis, bicos para todos da nosa parte,
    Ariane e María

    ResponderEliminar
  2. Estou! Pero non estou de volta á rutina. Aínda non. Con ganas de estar xa nas clases, e sei que a min faltaranme as mañás adormecidas nas que berrar parvadas tanto coma a ti faltarache un certo paspán na esquina. Imaxínate, os meus profesores teñen que soportarme todo o curso...

    Moitos bicos dende Gales, éche moi simpático o que escribiches. E, unha cousa máis - vascas, si, que viva blogheear!

    ResponderEliminar