A primeira vez que vin a Santiago foi en 1989. Daquela contaba dez anos e viña para ver ó papa polaco que convidara ós mozos de todo o mundo para celebrar o Día Mundial da Xuventude. Lémbrome que viña cun grupo da miña parroquia, acompañados polo vicario xeral da diócese de Bucarest, Xoán Robu. Saír do meu país foi unha experiencia moi importante, non era moi fácil cruzar a cortina de ferro e moito menos para asistir a un acto relixioso, aínda máis como católico. Mentres que na dictadura de Franco a Igrexa vivía a súa época de ouro, en Romanía esta tiña prohibido ter bispos ou calquera relación co Vaticano. Desa primeira viaxe quédanme poucos recordos, algunhas imaxes dunha cidade entusiasmada por recibir ó papa, cunha paisaxe moi verde que se contrapuña á do meu país, tan gris e tan triste ó mesmo tempo. Dez anos máis tarde, algo xa maior e acompañado pelo mesmo Xoán Robu, esta vez como arcebispo de Bucarest, volvín outra vez á cidade do Apóstolo Santiago. Daquela era un rapaz novo estudante de filosofía e teoloxía en Roma e viña para participar a un encontro de mozos europeos. Fixen a viaxe en autobús ata Burgos e dende alí vin a pé ata Santiago. Demorámonos unhas tres semanas, con paradas ás veces longas para poder coñecer o país e descansar. Pasamos unha semana en Santiago, hospedados nun convento de freiras á beira da Catedral. Entre catequeses e misas tiven tempo tamén de coñecer mellor a cidade e saber que, alén do castelán, había unha lingua galega que me soaba moi ben aínda que non chegaba a diferenciala do castelán ou do portugués. O certo é que, daquela o meu castelán era ben pobre. Dende que vivo en España, hai xa nove anos, sempre quixen volver a Santiago, pero non o conseguín ata o ano pasado cando fixen outra vez o camiño cun grupo de estudantes da Universidade do Porto. Lembro que cheguei a Santiago pola maña, algo canso e con vontade de volver ó Porto para ver ó meu mozo. Nin sequera fun abrazar ó apóstolo, sóamente entrei na catedral para descansar e rezar un pouco. Agora que xa pasaron vinte anos da miña primeira visita, estou aquí outra vez. Esta vez para quedar un pouco e para aprender aquela lingua, cuxa existencia ignoraba outrora. Todo isto grazas á miña profesora de galego da Universidade de Barcelona onde estudo filoloxía. Estou a punto de rematar o curso, pero éme un pouco cedo para plasmar a miña imaxe desta cidade que me gusta moito, que me cheira a pedra, a pedra mollada pola choiva e pola esperanza de tantos que viñeron dende lonxe movidos por algo que eu antano pensaba ter.
Radu Ilie (Romanía)
Santiago 2009
No hay comentarios:
Publicar un comentario