Pasar parte do verán estudando en Santiago non se me ocorreu nunca ata que este ano pasado empecei a estudar galego na universidade. Ao principio pensei que era unha boa oportunidade para completar os meus estudos, pero co tempo decidín que a lingua galega interesábame e que quería achegarme ao máximo á súa cultura. Por iso, cando a miña profesora na universidade me falou da posibilidade de vir a estes cursos non o pensei dúas veces e axiña dixen que si quería vir, aínda que a xente moitas veces preguntaba que ía facer eu estudando galego en verán.
Non coñecía Galicia e o pouco que sabía desta terra era o que oín na clase, pero quería ver Galicia desde dentro xa que nove horas de galego á semana polo visto non eran suficientes para min, así que cheguei coa intención de aprender e gozar todo o posible. A verdade é que os días pasaron sen darme conta e en xeral lévome moi bos recordos deste mes de xullo. As clases, as excursións, a xente.....todo iso fixo que me senta a gusto, pero o máis importante que me levo á miña casa son os amigos que fixen.
O curso foi unha experiencia moi agradable, coñecín moitos lugares como Lugo, Vigo, Cariño (si Paulina, Cariño), San Andrés de Teixido... e tamén o propio Santiago. Non quero que acabe este mes e ter que volver a casa, pero sei que sempre recordarei os días que pasei polas rúas de Santiago, as tapas, as festas, os amigos, as clases, as cancións....
A partir de agora se alguén me pregunta por Galicia recomendareina sen dúbida, xa que creo que é unha terra que merece ser coñecida e a mellor forma é deixando que cha ensinen os propios galegos como no noso caso. Espero que a miña relación co galego non remate aquí e que poda volver outro ano e seguir aprendendo.
María Mentxaka (Euskadi)
No hay comentarios:
Publicar un comentario