
Xa fai moito tempo, no río Grande do Sul (estado situado ao sur de Brasil), vivía un neno negro, escravo, que era propiedade dun señor riquísimo, pero ruín coma o demo, de xeito que todos os seus escravos e criados lle tiñan moito medo.
O neniño negro, dende que era moi pequeno, andaba de pastor dos centos de animais nos grandes prados do seu amo, tornándoos da onza pintada e abrigándoos das tormentas, ademais coidaba tamén das vacas, cabras e ovellas, muxíndoas e axudándolles a parir as súas crías.
Sempre ao fin da tarde, cando volvía do prado, o neno poñíase sobre a "porteira" (unha cancela grande), mentres o seu señor contaba os animais e ao terminar o seu cómputo, deicíalle:
- Menos mal que están todos. Anda, negriño, pecha a "porteira".
Pero unha vez, ao señor faltáballe unha ovella no cómputo e púxose a berrar co neno, que aterrorizado, propuxo volver ao prado para buscar a ovella perdida. Non obstante, o amo atouno a un pao e pegoulle tanto ao negriño que o pobre alí morreu.
Dende entón, di a xente, que a súa ánima anda polos prados buscando por todos os sitios a ovella perdida.
Por iso, segundo a lenda, cando perdemos algunha cousa e se nos fai imposible atopaa, pedímoslla ao negriño do pastoreo, que xa está afeito a buscar.
Así, pola tradición, hai que facerlle un pequeno altar nun canto da casa, acenderlle unha candea e cantarlle unha oración con moita fe. Unha das cancións máis coñecidas é:
"Negrinho do pastoreio
acendo esta vela para ti
e peço que me devolvas
a querencia que eu perdi.
Negrinho do pastoreio
deixo a ti o meu rincão
eu te acendo esta velinha
nela está meu coração."
(Tradución ó galego: Negriño do pastoreo
acendo esta candea para ti
e pido que me devolvas
a cousa querida que eu perdín.
Negriño do pastoreo
dedícoche o meu cantiño
acéndoche esta candeíña
e fágoo de corazón.)
Hoxe en día aínda hai quen lle pide non soamente cousas materiais perdidas, senón tamén liberdade, paz, saúde, tranquilidade e xustiza.
Nilsa (Brasil)
No hay comentarios:
Publicar un comentario