sábado, 25 de julio de 2009

Hai moitas Galizas

Dende que estou en Santiago a miña concepción de Galiza ampliouse moito, porque estou descubrindo unha xente e un país diferente aos que sempre estiveron na miña cabeza. Dende que era pequena para min Galiza sempre foi a aldea do meu pai, e galegos os seus vinte aldeáns. Xente sinxela que sempre que vas ábrenche as portas da súa casa, que che ofrecen todo o que teñen inda cando o que teñan sexa pouco, e que se che ven saúdanche cun berro aínda que esteas na outra punta da aldea. Xente que traballa de sol a sol, aos que ves pasar mil veces pola porta da túa casa levando un tractor, ou levando as vacas dun sitio a outro, pero aos que xuraría que nunca vin estresados. Xente con moito carácter, que berran e dan golpes na mesa cando xogan ás cartas, ou cando falan de política, algo que impacta aos foráneos, e que os coñecidos, que fomos o suficiente precavidos para non entrar no xogo nin opinar sobre o tema, contemplamos coa normalidade que nos dá saber que cando se acabe o xogo ou alguén cambie de tema todos volverán ser tan amigos como sempre. Ademais, e quizais o que sempre me fascinou máis, é que a todos eles, independentemente de que teñan nove ou noventa anos, gústalles ir de festa. Gústalles celebrar as cousas comendo e bebendo, e que os que estean convidados o fagan tamén (inda cando iso supoña que unha viaxe á aldea acabe equivalendo a subidas de peso considerables) , e gústalles ir ás típicas festas que celébranse nas aldeas veciñas para beber, bailar, falar cos veciños, facer valoracións da orquestra, e sobretodo, pásalo ben.

Alicia (Cataluña)

No hay comentarios:

Publicar un comentario