miércoles, 29 de julio de 2009

A FLORA DE GALICIA


Galicia, polo seu clima templado húmido atlántico, é unha terra verde de seu; as chuvias son abundantes e abranguen tódalas estacións do ano, ás veces caendo a cachón, outras só orballando, pero sempre presente, anque no verán decrezan algo, pero sen deixar de manteren a súa constante presenza ó longo do ano; o que permite o desenvolvemento dunha vexetación fermosa, abundante, vizosa de árbores, arbustos, plantas flores e herbas.

Entre as árbores propias do clima templado atlántico, atopamos especies como o carballo, o castiñeiro, a faia, o bidueiro; esta última pode resistir moito frío, a neve e o xeo; por iso, o seu hábitat é xeralmente a alta montaña.

Tamén abundan os amieiros, sobre todo nas ribeiras dos ríos.

Outras árbores singulares de Galicia son os piñeiros, alúdese a eles no himno galego. A sua letra provén do famoso poema de Eduardo Pondal chamado “Os pinos”.

A abeleira produce un dos froitos secos máis saborosos: a abelá.

O acivro é unha especie de arbusto de follas crespas da cor verde escuro brillante con espiñas, e ten uns froitos vermellos. Coas súas pólas facíanse antano e fanse agora uns adornos e coroas no Nadal.

O teixo é unha conífera que ten importancia histórica entre tódolos pobos do norte da Hispania antiga; cando os nosos antepasados caian prisioneiros, estes afoutos guerreiros na súa loita cos romanos, antes que perder a liberdade e caer na escravitude, bebían un veleno que sempre levavan consigo e facíano cun zume do teixo.

Entre as especies arbustivas temos a arandeira, que dá un froito redondo, de cor azul escuro, o arando, que é doce e agradable.

Outros arbustos moi comúns en Galicia son: a xesta, o piorno, a queiroa, o toxo, que son moi abundantes nos montes.

A planta máis común nos bosques, prados e demais lugares húmidos é o fento, fermosa, ornamental. É unha das plantas máis antigas que se coñecen, pois veñen xa dende a era primaria xeolóxica.

Pódese dicir que a árbore máis senlleira e representativa de Galicia é o carballo, xa dende a antigüidade, e máis, dende a lonxana prehistoria, o maxestuoso Carballo era unha árbore sagrada para moitos pobos coma os celtas e demais pobos indoeuropeos; pois tiña un significado máxico-relixioso nas cerimonias sagradas que celebraban nos claros dos bosques, presididos polos sacerdotes: os druídas, que eran á vez, sabios, curandeiros e preceptores dos membros da tribo.
Ó mesmo tempo, os froitos do carballo, as landras, tiñan gran importancia económica e alimenticia, para estas xentes, xa que, segundo di o xeógrafo grego Estrabón, secábanas, moíanas e facían fariña e dela un pan moi nutritivo e podían come-lo, e máis mantelo e garda-lo na meirande parte do ano. Isto era moi significativo porque case non coñecían o trigo e a súa agricultura era escasa e deficiente.

Respecto do castiñeiro, os seus froitos, as castañas, foron a base alimenticia principal e mailas landras, dos galaicos dende tempos ancestrais, deica o século XVII da nosa era, daquela trocáronas polas patacas, que teñen a súa orixe na América do Sur (da Altiplanicie peruano-boliviana, e do sur de Chile), recurso alimenticio que producíu unha verdadeira revolución alimenticia non só en Galicia, o resto de España e de Europa, senón tamén no mundo enteiro. As patacas puxeron fin ás grandes fames no mundo.

As castañas asadas, seguen a ser aínda hoxe a base do Magosto, unha festa tradicional de Galicia e máis do resto do norte de España, especialmente; que se celebra no outono.

Os bosque e fragas foron dabondo abundantes na antigüidade, mais a partires do desenvolvemento da industria naval, o traballo da minería, a construcción de casas e edificios, se derrubaron a esgalla, e todo iso rematou coa destrución das grandes masas forestais, o que tivo, sen dúbida, consecuencias graves na paisaxe e no clima, especialmente na meseta castelá, e isto porque os bosques son xunto as fontes de augas os mellares reguladores das precipitacións, e da humidade ambiente. Tamén coa falta da capa vexetal e as raigañas das árbores fai estragos a erosión. Deste xeito, derruba-las árbores e a vexetación contribúe perniciosamente ao nocivo efecto invernadoiro.

Fai uns días, indo nunha das excursións do noso curso, vin nalgunhas partes do percorrido: na Terra Cha luguesa, na Serra da Capelada, ca algúns dos donos dos eidos ó lado da estrada, están a reforestar os terreos ermos con carballos e castiñeiros novos. É un feito digno de imitar polos demais.
Os incendios son os grandes inimigos das masas forestais e de tódala capa vexetal. Desgraciadamente, Galicia é unha das comunidades autónomas máis afectadas polos incendios.

Quixen escribir só dunha parte da flora galega: as árbores, anque tamén son parte dela as demais especies coma arbustos, plantas e herbas. Mais, referínme soamente ós máis coñecidos, ós máis sobranceiros; doutro modo non podería tratar dun tema tan extenso nunhas poucas páxinas.

De tódolos xeitos, a vexetación, incluíndo todas as especies botánicas, dende as árbores, (as máis grandes) ata as herbas e flores, (as máis pequenas), representan un factor importantísimo na configuración da paisaxe de Galicia, sen o cal esta terra non sería a mesma, non tería sido unha terra de verde e agreste beleza.


Carlos Antonio Weber Aguilar (Chile)

No hay comentarios:

Publicar un comentario